En 2011, o Fugas de La Voz de Galicia publicou este artigo que recuperamos abaixo en PDF: un texto de Javier Becerra que recopilaba algunhas das liñas arredor das que xiraba o Galician Bizarre nos seus inicios: o contacto por internet, certa ideoloxía (“autoxestión e resistencia”), o gastropunk (“sempre tentamos facer unha churrascada ou ir tomar pulpo cando facemos un festival”) e, quizais o máis relevante, esta sentencia de Snob Megalove (daquela en Shit Pony) que establece a posición histórica do movemento en relación ao posible antecedente do bravú:
“O bravú cántase en galego, o bizarre bérrase en todos os idiomas, e moitos son inventados. O que para o bravú foi Antón Reixa, para nós é Cañita Brava. O bravú reivindicou gaitas e orquestras e o bizarre reivindica o dereito a odiar gaitas e orquestras sen ser, por iso, menos galego“.
Nas imaxes ou nas declaracións, ademais de Shit Pony podedes disfrutar da presenza de Indómitos, Srasrsra, Novedades Carminha, Los Santos, Cudevaso, Telephones Rouges ou Metralletas Lecheras. Botádelle unha ollada nestas imaxes:
O sábado 12 o Café Bar El Muelle acolleunos para facer o primeiro Discoclube Bizarro, no que estivemos xente de KADETTGSI, Esposa, Atrás Tigre, Puma Pumku, Travesti Afgano, Contenedor de Mierda, Pantis e Bulto presentando as cancións do Galician Bizarre 3 e compartindo unha pinchada feita só con música galega. Foi bonito. Aprendimos cousas, como por exemplo que “Todos los días es mi cumpleaños” de Bulto está baseada nas peripecias de Esteban tocando nunha orquestra na que efectivamente todos os días finxían que era o seu cumpreanos, ou que “Abisal” de Atrás Tigre naceu despois de atopar no lixo o diccionario de símbolos de Cirlot e abrilo polo comezo.
Como foi bonito, este venres imos ter o Discoclube Bizarro #2 no Tinta Negrade Vigo, desta volta con Lamprea Explosiva, Dois, Selvática, Estrambote, Contenedor de Mierda e Travesti Afgano participando na movida.
E como foi bonito, pareceunos bonito tamén recopilar todos os temas que se puideron escoitar na pinchada, para ter máis a man todas estas cancións feitas dende aquí que nos descubrimos unhas a outras. Sesenta e pico temas que non sonaron exactamente nesta orde e que agora podes escoitar aquí debaixo, a maioría nesta playlist de YouTube e os que non están alí clicando no título dentro do listado a continuación. Bueno, hai algún que viña da colección de cds de Sara Iglesias e non existe en Internet, así que xa lle preguntas a ela ou escóitalos na próxima pinchada.
A cousa quedou bonita e variada, con baladas, punk, electrónica, cancións políticas, cousas intimistas, rock normal, rock raro, post rock, clásicos dos 60, 70, 80 e 90 e tamén temas que aínda non se editaron ou ao mellor non se editan nunca. A foto é do bote que Rafa Anido foi pasando por aí. Moitas gracias a toda a xente que aportou!