En 2011, o Fugas de La Voz de Galicia publicou este artigo que recuperamos abaixo en PDF: un texto de Javier Becerra que recopilaba algunhas das liñas arredor das que xiraba o Galician Bizarre nos seus inicios: o contacto por internet, certa ideoloxía (“autoxestión e resistencia”), o gastropunk (“sempre tentamos facer unha churrascada ou ir tomar pulpo cando facemos un festival”) e, quizais o máis relevante, esta sentencia de Snob Megalove (daquela en Shit Pony) que establece a posición histórica do movemento en relación ao posible antecedente do bravú:
“O bravú cántase en galego, o bizarre bérrase en todos os idiomas, e moitos son inventados. O que para o bravú foi Antón Reixa, para nós é Cañita Brava. O bravú reivindicou gaitas e orquestras e o bizarre reivindica o dereito a odiar gaitas e orquestras sen ser, por iso, menos galego“.
Nas imaxes ou nas declaracións, ademais de Shit Pony podedes disfrutar da presenza de Indómitos, Srasrsra, Novedades Carminha, Los Santos, Cudevaso, Telephones Rouges ou Metralletas Lecheras. Botádelle unha ollada nestas imaxes: