
Por Nuno Pico de Oh! Ayatollah
Sr. Anido & Sra. Álvarez – Buraco Negro. Hai que poñerlle un título ás cousas. Sempre é complicado, pero hai que facelo. Os títulos chamativos son tramposos, e a miúdo esconden verdadeiros contidos de merda. Pero son chamativos. Cibrán pediume este artigo fai xa tempo. E tiña moitas ganas de facelo, pero dábame pereza comezar (como me pasa con tantas cousas). Entón, nada. Poño o disco en Bandcamp (o Galician Bizarre II) e, no tempo que me leve escoitalo, teño que facer o artigo. E envíoo así, tal cal me saia. Trajano! – Mono. É complicado non parecer un completo imbécil cando se escribe sobre a vida dun. Por iso hai tanta xente que parece imbécil cando escribe sobre a súa vida. De verdade que non os culpo. É moi sinxelo teorizar e ser o maior crítico cultural da historia da humanidade, pero á hora de enfrontarse ao Documento de Word en branco, a todos nos sae, dunha forma ou outra, a vea pedante. O caso é que o primeiro contacto que tiven co Galician Bizarre foi en 2012, cando saíu o Galician Bizarre II. Daquela, eu tiña 17 anos e era idiota. Carrero Bianco – Horse Cum. Estou dicindo moitas palabrotas e non quero parecer o mítico provocador barato. Pero de verdade que era idiota. Tamén era bastante feliz, ou sexa que me compensaba. Facía 2º de Bacharelato en Burela, e era o maior fan de Terbutalina que debeu existir nunca no mundo. Era practicamente un feligrés. De feito, foi a través do seu Facebook que souben da existencia deste recopilatorio. Non era idiota por ser fan de Terbutalina (Terbutalina eran e son un grupazo), pero cargáballa moito aos meus compañeiros de clase con eles. Demasiado. Facíame odiar un pouco. E tamén me sentía un pouco superior, a dicir verdade.
“Se naquel momento non me tivese obsesionado coa música que se facía aquí en Galicia (…) agora mesmo estaría tocando nun grupo de versións”.
Wild Balbina – Spit Your Love (sempre me molou moito o nome deste grupo, pero non me lembraba de ter escoitado esta canción no seu día). Os meus amigos flipaban con Swedish House Mafia e eu andaba por aí cun iPod que xa non é meu e no que tiña o Broncodilatador, o Hostias Para Todos, o Desire de Bob Dylan e o Alta Suciedad de Calamaro (“Juventud, divino tesoro…”). E repetía eses discos en bucle continuamente. Foi tamén por aquela cando descubrín a Ataque Escampe e Familia Caamagno. Rompéronme a cabeza. Recordo con moito cariño esa época. Foi o momento no que comecei a ver que había vida máis alá da Velvet, dos Stooges, de AC/DC. Dos grupos de fóra que me flipaban. Se naquel momento non me tivese obsesionado coa música que se facía aquí en Galicia… bueno, non pasaría nada terrible tampouco, pero agora mesmo estaría tocando nun grupo de versións. Estou cen por cen seguro. Non vos imaxinades o moito que me cambiou a mentalidade grazas a eses grupos. Fantasmage – Cambia De Ciudad. Falando de cambiar, esta canción si que a rallei bastante no seu momento. É un temazo criminal. A música mola e a letra dice a verdade. Non hai moito máis que se lle poda pedir a un grupo. Lobishome – La Muerte. A verdade é que antes parei de escribir para escoitar o tema. Flipábame. Houbo un par de meses (ou igual tres) nos que, sempre que baixaba do instituto e antes de facer a comida, masturbábame e poñía este disco. E facía a comida con el de fondo. E logo miña nai flipaba cando chegaba de traballar (polo disco).

Mano de Obra – El Ogro. Esta non a coñecía, creo. Vaia locura de canción. Moito lle teño roto a cabeza a miña nai coas miñas movidas, a verdade. Un día, mentres me levaba no coche a algún sitio, discutimos bastante forte porque ela quería que non lle puxese máis Los Suaves e a min iso pareceume unha especie de ofensa á música e a todo no que eu cría na vida. E outro día pasounos algo parecido co Leo i Arremecághona. Mullet – Laioso. Ao principio non recoñecía esta canción, pero ao pouco xa o fixen. Esta era a que non me gustaba porque parecía unha muiñeira. E eu daquela era un radical antimuiñeira. Pero a verdade é que está guapísimo o tema. É como se Baiuca tivese un primo que flipa con Thurston Moore. Ou igual non, pero bueno, a min dame esa sensación. Mola, mola moito. Métenlle un audio do Luar. Bueno, esto é unha puta fantasía. Vaia temazo. Tora! Tora! Tora! – Crematorio. Este disco debe durar media hora, máis ou menos. Ten moitas cancións, pero son bastante curtas case todas. Non parece moito tempo, pero estar escribindo durante media hora chégalle ben. Hai que ter media hora de cousas para contar, e non facerse aburrido. E non parecer imbécil. QVEK – Tella, Me Enamoré De Ella. Outro dos temas que escoitei moitísimo cando saíu o disco. Temazo. Recordaba as letras como máis posmodernas do que realmente son. Bueno, hai algunhas que non molan demasiado, e outras que directamente non entendo, pero polo xeral están guai. Hai bastantes cancións de amor, non? Están ben. Tamén me dá medo ser o mítico “Crítico – Que – Es – Como – Una – Consultora – Independiente – De – McDonalds” que vas como de moi underground, pero fas un artigo sobre o Galician Bizarre para o blog do Galician Bizarre e pouco máis que rematas por dicir que estos jóvenes cambiaron la historia del mundo tal y como lo conocemos. Non, a verdade é que non creo que o fixesen. Pero encántame este disco. É imposible que non lle teña cariño.

Los Televisores – Mona Lisa. Bueno… que carallo! Tampouco me vou excusar, creo que este disco está moi ben de verdade (di John Wayne en La Legión Invencible: “Nunca se desculpe, é un signo de debilidade”). A ver cando fan un recopilatorio de movidas de vaqueros e me piden que escriba para o seu blog. Lástima que en Galicia non houbese moitos westerns. O primeiro concerto ao que fun cando vin vivir a Santiago foi o de Los Televisores con Rafa Anido, un martes de setembro de 2013 na Reixa. Unha pasada. Creo que me lembrarei toda a vida. Los Televisores eran a hostia. Tiñan unhas melodías brutais, e aquel día sentín un instant crush coa chica que tocaba o baixo. Parecía que non quería estar tocando pero estaba tocando e molaba todo. Sempre me encantou a xente que ten esa pose no escenario. Alarido Mongólico – El Ataque De Los Belenes Vivientes. Creo que este é o meu tema favorito de todo o disco. 10 sobre 10. Encantaríame ter escoitado un disco enteiro de Alarido Mongólico facendo este tipo de cousas. Por certo, espero que Lúa nunca vexa este artigo. Terbutalina – Hostias. No seu día, Terbutalina poderían ter sacado un disco só con samples de eructos, e pareceríame a obra definitiva de 4000 anos de sociedade occidental. Los Thyssen – La Bola. Levo xa un par de cancións que apenas escribo e só me dedico a escoitalas. Penso que me está quedando moi largo o artigo e estou literalmente ata o carallo de escribir tan rápido. Ponme bastante nervioso. Tetra & Freak – Frota Vaginas. O disco este saíu o 1 de setembro de 2012. Ben, pois o 1 de setembro de 2012, eu estaba bastante lonxe de saber o que era “frotar” unha “vagina”. Pero esta canción parecíame divertidísima. E séguemo parecendo. Tiven unha época na que non. Durante un par de anos reneguei moito deste tema. Xa non deste tema como tal, senón de que me gustase. Pensaba que era moi escatolóxico e moi de broma. Todos temos épocas malas. Pastillas Mamut – Fiesta de Mierda. Carallo, esta tamén é de Champions League. Igual me gusta máis que El Ataque De… non sei. Pode que si. É a letra que máis me representa hoxe por hoxe de todas as do disco, eso téñoo claro. Aparte sona un pouco techno, y el techno es la vida. Vaia señor temazo. É que esta letra é como unha foto do que pasa calquera sábado no… bueno, dá igual. Pero gustaríame saber quen a fixo.
Ben, máis ou menos fun cumplindo co meu obxectivo. Foron 30 e pico minutos de pura nostalxia e autocomplacencia moi bonitos. Non sei se quedou moi clara a miña experiencia co Galician Bizarre, que foi o que me pediu Cibrán, pero aínda recordei unhas cantas movidas guais, e outras cantas que me dan vergonza. Pero así é a vida. Faime moita ilusión que os Oh! Ayatollah saiamos no Galician Bizarre III. É o mítico que di todo o mundo, pero é certo. Faime moita ilusión. Moita moita. Non xa por estar nun recopilatorio de grupos galegos actuais, que tamén. Joder, iso mola. Pero non é o que máis mola. Imaxinádevos que calquera adolescente galego (falo de rapaz ou rapaza, é indiferente; “x” non vou poñer que é moi de puril), durante dous ou tres meses de 2019 , cando chegue á casa se masturbe e, logo, mentres fai de comer, escoite “Pablo Callejo”. E logo súa nai lle mande quitar esa mierda para comer en paz. E ao día seguinte ese adolescente lle rompa a cabeza á xente da súa clase con esa canción. Que tedes que escoitala, que é a hostia, que fijo que vos mola. E que obviamente non lles mole, claro. E que ese adolescente odie aos seus amigos porque son uns idiotas que flipan con Bad Gyal ou J Balvin. Que eso es una mierda, que eso no es música. Ou polo menos, que esa no es la música que de verdad mola. E que co tempo esa persoa se decate de que nin o outro era tan malo nin o seu era para tanto, pero que lle teña cariño ó tema. E que o escoite e se acorde da xente coa que se levaba, do ben e o mal que o pasaba no instituto, da xente da que estaba namorado. E que se alegre pero se poña un pouquiño triste cada vez que escoite a nosa canción. Firmaría con sangue que eso pasase. E que eu vise todo iso dende unha mansión da hostia en Bertamiráns na que vivo durante o ano porque son insultantemente rico, porque me forrei grazas a que un día descubrín no Facebook de Terbutalina un vídeo dun tipo rapado e con bigote falando dunha movida dun recopilatorio de non sei que de Galicia e logo os meus amigos máis eu conseguimos facer o We Will Rock You II. E dar festas para peña da TVG, para peña que é Presidente de cousas de ricos, para Conselleiros de cousas. E pensar así medio ríndome: “Menuda puta mierda de fiesta”. E abrazalos a todos. Iso tamén sería moi bonito.
