Unha pinchada galega e bizarra

WhatsApp Image 2018-10-15 at 1.55.23 PM

O sábado 12 o Café Bar El Muelle acolleunos para facer o primeiro Discoclube Bizarro, no que estivemos xente de KADETTGSI, Esposa, Atrás Tigre, Puma Pumku, Travesti Afgano, Contenedor de Mierda, Pantis e Bulto presentando as cancións do Galician Bizarre 3 e compartindo unha pinchada feita só con música galega. Foi bonito. Aprendimos cousas, como por exemplo que “Todos los días es mi cumpleaños” de Bulto está baseada nas peripecias de Esteban tocando nunha orquestra na que efectivamente todos os días finxían que era o seu cumpreanos, ou que “Abisal” de Atrás Tigre naceu despois de atopar no lixo o diccionario de símbolos de Cirlot e abrilo polo comezo.

Como foi bonito, este venres imos ter o Discoclube Bizarro #2 no Tinta Negra de Vigo, desta volta con Lamprea Explosiva, Dois, Selvática, Estrambote, Contenedor de Mierda e Travesti Afgano participando na movida.

E como foi bonito, pareceunos bonito tamén recopilar todos os temas que se puideron escoitar na pinchada, para ter máis a man todas estas cancións feitas dende aquí que nos descubrimos unhas a outras. Sesenta e pico temas que non sonaron exactamente nesta orde e que agora podes escoitar aquí debaixo, a maioría nesta playlist de YouTube e os que non están alí clicando no título dentro do listado a continuación. Bueno, hai algún que viña da colección de cds de Sara Iglesias e non existe en Internet, así que xa lle preguntas a ela ou escóitalos na próxima pinchada.

A cousa quedou bonita e variada, con baladas, punk, electrónica, cancións políticas, cousas intimistas, rock normal, rock raro, post rock, clásicos dos 60, 70, 80 e 90 e tamén temas que aínda non se editaron ou ao mellor non se editan nunca. A foto é do bote que Rafa Anido foi pasando por aí. Moitas gracias a toda a xente que aportou!

Pucho Boedo – Monólogo do Vello Traballador

Ana Kiro – Avenidas y paseos

Franc3s – El sentido de la lucha

Nadadora – El sueño ardiendo

The Homens – Cen días

Fantasmage – Espacio en tu cabeza

Dois – Coches abandonados

As Incribles Páncreas – Non podo parar

CudevasoAbdul-Jabbar

Los TelevisoresVacaciones

Os Resentidos – Música feliz

Ataque Escampe – E eu que chorei con Ghost

NHU – Hay un tren

Los Tamara –  Camino del Sahara

Terremoto sí – Termitas

Jay – Motero

TulipArrecife

Nico the Chef – Te quiero de más

Baiuca – Muiño

Esquelas – Portador

Death WhistleExcerpt #03

Gas NobleQué pasa jazz

Carrero Bianco – Gafas de sol

Dar Ful Ful – La belle âge

Lentejas Los Miércoles 8 bit song

Carrero Bianco – Muévelo

Schizophrenic Housewives Heterodyne Radio

Mack Barracuda I Don’t Wanna Share It

Schizophrenic Housewives Can’t Stand the Midwest

Lentejas Los Miércoles F*ck

Pastillas Mamut Fiesta de mierda

Golpes Bajos – Cena recalentada

Seda – Nieve en el ático

Galope Mestizo Guayaba

BFlecha – Salacot

Fluzo – Medicación

Synth Alien – Cygnus X – 1

Sindikato Agrario – Informatika

Unicornibot – Premonición

Djalminha PO-308

Diola – Lambada

Narf – Santiago

Blanco Palamera – Caer

Malandrómeda – Ti e máis eu

Familia Caamagno – Canción Moderna de Occidente

Boy Elliott and the Plastic Bags – Planeta 19

Fame Neghra Nom significa nom

Malraio – Zoo da working class

Samesugas – Exploding Heart

Emilio José – Lugo

Ocre – La fatiga de los materiales

Fanny + Alexander – Pánico (merda de dj)

Los Coyotes – 100 guitarras

Sudor do Tractorista – Os ducados

Os Vacalouras – Capacho rock

Sudor do Tractorista – O puto pior

Árvore – Aborrecemento, amor e tripis

Telémaco – Imaxina

Mala Ratxa – Celulosas

Contenedor de Mierda – Ponte de pijo

Copa Turbo – Espello

O Leo i Arremecághona Vivan as veighas

Nave Nodriza – La modernidad

Glitchgirl Rally

Emilio José – Ourense

Lendrone – Mikromaschine

Don Nadie Anna 16

Montaña Muerte Into the Divine Bossom

 

Entrevistas Galician Bizarre: Travesti Afgano

travesti 2
Foto de Fer Mortal

Cando ves en concerto a Travesti Afgano, aínda que sexas quen de encadrar o que fan dentro dalgunha das diferentes tradicións do pop, o punk ou o rock, acabas preguntándote como poden conter tanta personalidade dentro dun só grupo. Pero bueno, o asunto é precisamente que non a conteñen. Son catro individuos insólitos, incapaces de parecerse a ningunha outra persoa, e nese sentido parécense aos grupos de post-punk que tentaban tocar reggae ou funk e daban con outra cousa. Unha propia.

A maneira de tocar a batería de Camilo vén da escola espectacular e aparentemente desbocada de Keith Moon pero ten tamén un toque a Happy Mondays ou New Order e esas cousas máis bailables de Manchester. Aínda que a batería se toque a golpes, ao miralo percibes nel unha historia de amor co seu instrumento. A todos lles gusta o son de Manchester, supoño, pero igual parécense máis aos Who que a Joy Division niso de ser catro tipos que parecen competir pola atención co seu estilo e dalgunha maneira conseguen que sume en vez de ser unha merda. Supoño que porque parece haber máis de amizade sincera que de loita de egos entre eles. Pola súa banda, Marky ten sempre un aire surfeiro, de mar, aínda que penso que lle tira o hardcore, e toca o baixo cun balanceo bastante molón. Se segues a Luismi en Facebook coñecerás as súas influencias porque é moi fan das cousas que lle molan e faino público: The Fall, Real Madrid, Fabuloso Combo Espectro, Humbert Humbert, a NBA… Como destila esas influencias? Pois as súas partes de guitarra poden ser escuras ou sucias pero teñen un algo estiloso, moitas veces con punteos pop tarareables estilo Bernardo Bonezzi, e nas letras consegue falar de fútbol (“Tiqui Traca”), Mark E. Smith (“Yo no soy Mark E. Smith”) e calquera cousa que forme parte do seu universo. Ten iso en común con Rafa Anido, de quen non imos descubrir agora nada despois de mil proxectos: en Metralletas Lecheras estaba xa con Camilo, pero tamén pasou por Los Iribarnes, Jiménez del Oso, Jiménez Los Santos, Hemisferio Izquierdo, Cudevaso… e fixo cantidade de cousas como Sr. Anido, a última o seu fantástico disco con Sra. Álvarez. Todas estas propostas se caracterizan por esa expresión intensísima da súa mirada sobre as cousas, entre o político, o filosófico e o costumista. Así, sen que teña que ver coa traxectoria previa dos seus membros, Travesti Afgano son un grupo que representa probablemente a esencia do Galician Bizarre: unha distorsión única, persoal e decididamente galega das músicas internacionais que máis os (nos) marcaron.

 

Por que facedes música?

Luismi: Porque, a pesar da miña exquisita técnica como futbolista, truncouse a miña fichaxe polo Real Madrid debido a unha lesión no nocello, e cambiei a pelota, que non se mancha, polo punk que é máis porco.

Rafa: Para poder expresarnos libremente.

Camilo: Unha das cousas que máis me gustan é tocar a batería. É unha actividade creativa na que compartes tempo e vivenzas cos teus amigos e ademais acabas coñecendo xente que é marabillosa e acaba sendo teu amigo tamén.

Cal foi o debate máis importante que tivestes dentro do grupo?

Luismi: Cando decidimos que era mellor que Marcos pasase da batera ó baixo, e que Camilo entrase no grupo. Pero non houbo debate… estivemos todos dacordo xa que era o máis natural.

Rafa: Moitos, pero por exemplo que comer e onde.

Camilo: Non che sabería dicir. Ou resulta que os catro levamos a misma liña de pensamento e nunca hai diverxencias de opinións ou resulta que somos uns cachos de carne que non nos plantexamos nada. Eu quero pensar que ocorre a primeria opción.

Que pensades que teñen en común os grupos do Galician Bizarre? De que grupos do Galician Bizarre (presentes ou pasados) vos sentides máis próximos e máis afastados?

Luismi: Que son galegos, pouco máis… cadanseu é do seu pai e da sua nai. En canto a cales nos sentimos máis próximos, obviamente a Lobishome e Metralletas Lecheras, e tamén a Indómitos, Qvek, Telephones Rouges ou Selvática…

Rafa: Pois teñen en común que viven nunha parte do mundo onde non hai apenas apoio para ás suás propostas, e rematan todos por desaparecer máis tarde ou máis cedo.

Camilo: O común sen dúbida é a orixe xeográfica e cultural. Iso marca o resto do que acabas sendo e facendo. Grupos cos que me sinto próximo? Mano de Obra, Los Santos, Telephones Rouges, Le Cul, Indómitos, Estrambote, Lee Van Cleef, Lobishome. Dos que me sinto afastado ben ética ben estéticamente: NC, Terbutalina, Wild Balbina, Trajano.

Por que cantades na(s) lingua(s) que cantades?

Luismi: Saenos naturalmente, somos políglotas, non nos pechamos a nada.

Rafa: Son as linguas que se falan no noso entorno o galego e o castelán, aínda que o primeiro está en recesión.

Camilo: Porque por desgraza son as únicas que coñecemos. Se souberamos falar islandés ou alemán seguro que ían sair cancións neses idiomas. Coido que a trascendencia do grupo, da súa obra, non vai ligada a un compromiso politizado coa lingua galega por un mero feito de inutilidade mecanizadora pola nosa banda. Hai xente moito máis capacitada e con unha chegada social moito máis amplia para desenvolver esa labor, na que nós cremos sempre que se faga ben (Séses do mundo podédesvos extinguir).

Canto inflúe no que facedes o sitio de onde sodes? E o lugar onde creastes o grupo (se é que é diferente)?

Luismi: Moito, ter montado o grupo nun galpón de Montalvo afastado de todo o demais fíxonos crear algo noso, que ninguén máis fai.

Rafa: Pois o grupo creámolo nun galpón ó lado do mar, e as tormentas e inundacións que había en malos invernos foron importantes para o noso nacemento. Tamén as galiñas e a súa merda.

Camilo: Inflúe en todo e en maior medida que calquera outro factor. De feito é o factor. Imaxínate a Siniestro Total sendo de Valladolid, meu Deus, serían patéticos, lamentables, esa xente non ten puta gracia, está amargada. Existen grupos en Valladolid? Había uns mods que me molaban, pero era un grupo de exercicio de estilo, poderían ser de Valladolid ou de Sidney e o resultado iba ser o mesmo – impersonal-.

travesti cartel 3

Hai un imaxinario central no voso grupo? Cal é?

Luismi: Sí, rock and roll: libertad de expresión.

Rafa: Manchester, a Illa de Ons, San Andrés de Teixido…

Camilo: Si, coido que a Rafa e a min ao mellor sáenos unha vena máis “contestataria” da problemática social, ben dende a personalisima visión de Rafa ou a miña visión que é moito máis radical, impaciente e agresiva. Logo Luismi aporta moito máis dende o seu paraíso interior, das cousas que lle gustan, das que lle afectan ou lle chaman a atención. Marky sempre da a puntada xenial que remata a idea cando non somos capaces de rematala á primeira. Hai unha mistura de retranca, acidez corrosiva e crítica das cousas que non nos gustan e incluso das que nos gustan.

Que elementos marcan máis a vosa identidade? Que peso ten nesa identidade o ser galegos e galegas?

Luismi: Pufff, pois supoño que as nosas personalidades, e a retranca, que é moi daquí de Galicia, e é parte fundamental do noso discurso.

Rafa: Eu sintome galego, pero dos de antes das invasións romanas, e dos que viviron no tempo dos suevos no primeiro reino de Europa, considérome atlántico.

Gústanvos os discos recopilatorios? Hai algún que vos marcase especialmente?

Luismi: A mín sí me molan, os que máis quizais uns que se chaman Punk 45 que compilan diferentes grupos punks de varios sitios do mundo, centrandose en areas xeográficas concretas, e que edita un selo que se chama Soul Jazz Records.

Rafa: Gústanme as recopilacións de garaxe 60s, como Nuggets ou Back from the Grave, e tamén a que fixeron os Fuzztones sobre os grupos que versionaban, é a mellor de todas. Marcoume moito sair con Iribarnes, un grupo no que tocaba anteriormente, en Matado por la Muerte, un vinilo que recopilaba o mellor do punk español de principios do século XXI.

Camilo: Si me gustan, si. Eu colecciono moitos recopilatas de musica dos 60’s. Garage, Psych, Freakbeat, Northern Soul. No instituto marcoume o Punk-O-Rama que editaba Epitaph Records.

Canto se parece o voso grupo á idea que tiñades de ter un grupo? Cando e como apareceu a idea de Travesti Afgano?

Luismi: É tal cual queríamos que fose, unha maquina precisa e ben engraxada, ás veces alomenos… A idea de montar o grupo propúxenlla eu a Rafa cando os nosos grupos anteriores, Lobishome e Metralletas, estaban por deixar de tocar, así que había que comezar algo novo…

Rafa: Achégase moito, temos todavía practicamente o 90 % do control do que facemos, a maoiría dilúense co paso dos anos da súa idea inicial, se é que a tiñan ou eran conscientes dela.

A que vos dedicades? Quereríades que o voso grupo fose o voso traballo? Como credes que se pode compatibilizar a arte e o traballo?

Luismi: A traballar en algo que nos deixe tempo libre para facer o que nos gusta de verdade e que nos permita chegar a fin de mes… O de vivir da música, a estes niveles polo menos, e co pouco apoio que hai, tanto institucional como da industria e dos medios de comunicación, é inviable hoxe en día para case todos nós… Arte e traballo poden compatibilizarse cando son a mesma cousa, pero por desgracia, para a maioria de nós, o noso arte non debe de ser visto como digno de remunerar decentemente, co cal compatibilizamos, pero non arte e traballo, senón arte e ilusións, coas ganas de facer o que che sae de dentro.

Rafa: Eu estiven traballando estos anos en traballos precarios, agora intentarei acadar certa estabilidade retomando a avogacía, onde penso adicarme principalmente a temas sociais e dereito da cultura. Como di sempre Camilo adicarse intergamente a isto suporía posiblemente o final do proxecto.

Camilo: Traballo nunha oficina e sempre dou grazas por non misturar meu traballo co meu hobbie. A xente que coñezo que acaban por misturar traballo coa música acaban facendo cousas que non me interesan nin que respeto (falo ao noso nivel, grupos que empezaron con nós e que están por aí facendo cousas “grandes”). Por suposto que respeto e admiro aos profesionaís: aos Who, a NOFX, a Suede… pero ningún de nós queremos nin imos ser iso.

travesti 3

Catro anos máis”, a canción que aportades ao Galician Bizarre 3, vai na liña das vosas cancións máis explicitamente políticas, como “Berlusconi”. A miúdo aparecen polas cancións figuras de poder como Feijoo, os Borbóns ou Hitler. Ás veces dáme a sensación de que o facedes con serenidade, outras con humor e ironía e outras con mala hostia. Credes que é importante reflexar e criticar a realidade nas vosas cancións? Buscades algún efecto concreto en quen as escoite? Especialmente neste tema en concreto, claro.

Luismi: Nas cancións soemos falar de obsesións, taras, ou ideas, e utopías que temos ou nas que creemos. A realidade que nos rodea entra dentro desas cousas, co cal é normal que nos saia falar do que nos pasa ou do que pensamos.

Rafa: É basico ser crítico, debe ser a base de calquer proxecto artístico, o triste é cando se fai sen nada detrás como un elemento máis da campaña de marketing… É patetico comprobar como a xente se axeonlla ante o poder tanto politico como económico, e se vende por catro patacos. É o que está pasando con moitos festivais, que usan os grupos para instrumentalizar cousas, o último exemplo o temos no Son do Camiño, auténtica campaña de publicidade do PP pagada cos cartos de todos.

Camilo: Eu véxoo como un exercicio de rabia. Non facemos grandes análises politicas nin descubrimos nada. Simplemente sinalamos desfeitas que estan moi visibles pero que incriblemente percibimos como que están moi soterradas, que a peña parece non captalas.

Que opinades de Feijoo e o seu goberno? Cal é o voso modelo de país?

Luismi: Eu opino que o sistema de democracia representativa está obsoleto, co cal ata que cambien o sistema conmigo que non conten… O meu modelo de país é un no que haxa mais liberdade para todo, pero isto tamén é unha utopía, xa que nos tempos que corren parece que as cousas van en retroceso e cada vez coártanse máis as liberdades da xente.

Rafa: É unha organización ecónomica lindando con mafiosa, unha empresa que conta con practicamente todos os medios de comunicación comprados, e unha rede clientelar con caciques en concellos, empresas privadas e deputacións. Estas xentes non teñen practicamente ningúnha intención de cumprir o seu traballo que é traballar polo común, son palabras que a eles non lles soan de nada. No tema ambiental por exemplo, no que eu estou bastante implicado, é desolador comprobar como se está destruindo toda a nosa riqueza, sen que o pobo se estea dando conta, xa que o que lles venden nos medios é o contrario.

Camilo: Para min o problema sempre é o mesmo: a xente, a sociedade, o público. A xente é idiota. Non hai nada que falar de Feijoo, de Rajoy, de Varoufakis, nin de Trump, nin de Angelopoulos nin Bowie ou o violador do ascensor. Culpable a xente sempre, por permitir, por non entender, por deixarse facer, por mostrar interese cero no exercicio de ter unha visión crítica do que a rodea. Como xa dixen antes: non teño paciencia e son moi radical. Sobra xente. Haberá que soltar unha cepa de algo que empece a reventar a Cristo.

Travesti 4
Fragmento manuscrito da letra de “Sexo débil”

As vosas influencias están presentes moitas veces nos títulos (“Mars or astromars?”), nas letras (“Yo no soy Mark E. Smith”) e nas versións que facedes, ademais de na propia música. Como as filtrades? Buscades a orixinalidade con respecto a elas?

Luismi: Pois non buscamos orixinilidade, o que pasa que como actualmente tes ao teu acceso música de todos os lados do mundo é doado que as túas influencias se diferencien das influencias e gustos de outros grupos.

Rafa: Por suposto, buscamos a maior orixinalidade posible, é outra das nosas premisas, non nos plantexamos en ningún momento que tipo de música queríamos facer.

Camilo: Unha das cousas que penso que sempre buscamos e nos distinguíu e que tamén é un motivo polo que recoñezo que o grupo non é accesible estéticamente para o “público xeral” é que non facemos exercicio de estilo. Misturamos un montón de estilos e bandas que nos gustan. Por outra banda dáse a capacidade que temos de sacar como fortaleza creativa frente a incapacidade técnica cos instrumentos (ben por falta de técnica persé, ben por falta de ensaio). Podería apostar a que somos a banda do GB3 que menos ensaiamos (e aínda así estamos ahí, pénsao).

Ao mesmo tempo que falades sobre grandes temas centrádesvos tamén en experiencias cotiás e costumismo, falando sobre cousas da vida diaria como Internet, o fútbol, o traballo…Que vos inspira e que non vos inspira?

Luismi: Falamos como dixen antes do que nos gusta, inspira, pero tamén do que nos da noxo ou disgusta. pero sempre dentro da nosas realidades e do cotián. Non poderíamos falar de que nos dispararon ou de canta pasta facemos vendendo droga, porque non somos gangster nin andamos no trap…

Rafa: Un pode ter unha certa liña de pensamento, pero non se pode tampouco estar todo o día dando a trasca e é importante tamén o sentido do humor. A influencia do alcohol ou porros é importante na nosa música, tamén as series e películas que vemos ou xente que coñecemos tanto no noso entorno como cando imos de xira.

Tedes dado concertos en bastantes lugares de España. Cambia a reacción do público cando tocades fóra?

Luismi: Mal que nos pese cambia bastante, supoño que é raro, pero penso que nos entenden e disfrutan máis fora de Galicia que na nosa terra… Disque ninguén é profeta na súa terra…

Rafa: Especialmente no País Vasco a reacción é moi boa, na última xira vendemos máis de 40 discos, a xente vai ao bolo a ver ao grupo, toda a xente do barrio ou do pobo se achega, non existen prexuizos como pasa coa maioría de público en galicia.

Camilo: Cambia todo. País Vasco e Valencia sobre todo. Público crítico cunha opinión formada véndote de verdade, interesado de verdade. Non vin fotos, nin jastas, nin jaguermaster, nin estupideces. Só xente asistindo a un concerto e desfrutándoo. Ao público de Galicia non lle interesa a música. Só van a actos festivos polo mero feito de “estar”.

No musical todos sodes músicos cun estilo moi marcado, e tanto Luismi como Rafa teñen voces e estilos de cantar moi persoais e moi diferentes. Tivestes que adaptarvos dalgunha maneira ao xuntalos? Dáme a sensación de que en Nos vale madre está todo máis equilibrado que en Jefes de Julais.

Luismi: Graciñas por chamarnos músicos, porque hai xente que opina que non sabemos tocar, pero nos estamos moi contentos co que facemos.Creemos que é moi persoal e dificil de clasificar, así que estamos encantados de seguir desbrozando o noso propio camiño.

Rafa: Cada un foi ocupando o seu espazo no proxecto, non existen loitas, aínda que quizais Luismi sexa o que mais ideas aporta, o resto vai metendo cousas tanto na letra como na música.

Levades tocando en grupos unha chea de tempo. Que cousas credes que desenvolvestes con Travesti que non fixerades noutros grupos?

Luismi: Dende o meu punto de vista Travesti é moito máis orixinal que os outros grupos nos que tocábamos antes, sempre faremos punk, pero con Travesti non é un punk tan de manual como o que facíamos coas nosas anteriores formacións, temos un je ne sais quoi que nos fai únicos e irrepetibles!!!

Rafa: Pois unha campaña de marketing adecuada, labor de Camilo, sen poñer o cu, pero si tentando chegar aos sitios, a festivais que nos molan. Antes pensabas que a xente te ía chamar, pero tes que ofrecerte para ter algún tipo de oportunidade, senón o grupo morre por falta de alicientes.

Camilo: Eu persoalmente aprendin a facer labores de pseudomanager. Tamén aprendin a desencantarme e que non me afecte, porque o resto de cousas que saco en limpio compénsanme máis que a merda que vexo por aí.

[As imaxes están sacadas do Facebook de Travesti e dalgunha non atopamos a autoría. O cuestionario fixémolo Xiana e Cibrán]